O IES Manuel Murguía de Arteixo acolleu unha charla sobre seguridade nos centros educativos impulsada polo Ministerio do Interior

O Subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde, participou hoxe no IES Manuel Murguía de Arteixo nunha das charlas do Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos e os seus Contornos, unha iniciativa do Ministerio do Interior. Este programa busca reforzar a colaboración entre a comunidade educativa e as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado para previr riscos entre a mocidade e promover valores como o respecto, a igualdade e o uso responsable das tecnoloxías.
Abalde estivo acompañado polo director da área de educación da Delegación do Goberno en Galicia, Xosé Lois García Carballido, e polo coronel da Garda Civil, Jorge Bodelón Haváns. No IES Manuel Murguía, as charlas están a cargo da Garda Civil e forman parte dunha programación que incluirá máis xornadas ao longo do curso.
O Subdelegado destacou que “o Plan Director é unha ferramenta clave do Goberno de España que permite coordinar as Forzas e Corpos de Seguridade coa comunidade educativa para garantir centros seguros e fomentar o desenvolvemento integral do alumnado”.
Nos últimos doce meses, en Galicia realizáronse máis de 5.000 actividades dentro deste programa, das cales preto da metade tiveron lugar na provincia da Coruña, con 2.016 accións en 331 centros e a participación de máis de 35.000 estudantes. As principais temáticas abordadas foron a seguridade dixital e o uso responsable dos móbiles, con 650 charlas, seguidas do acoso e ciberacoso escolar, con 515 actividades.
Outros temas tratados inclúen as adiccións, a violencia de xénero, os delitos de odio, a protección de datos persoais, a seguridade viaria, entre outros. O programa tamén contempla actividades complementarias como visitas a dependencias policiais e concursos educativos.
En total, 690 centros e ANPAS da provincia presentaron solicitudes para participar no Plan Director, que se consolida como unha ferramenta fundamental para promover a convivencia e a seguridade entre os mozos e mozas.