O IES de Sabón de Arteixo celebra a I Semana do Emprendemento achegando experiencias reais ao seu alumnado

ACoruñaXa
Profesionais e emprendedores comparten as súas experiencias para motivar aos estudantes cara ao autoemprego e o emprendemento
IES Sabón en Arteixo
5 Nov 2024

O IES de Sabón de Arteixo acolle dende hoxe a súa I Semana do Emprendemento, unha iniciativa pioneira organizada para inspirar ao alumnado a través de exemplos reais de empresarios que se formaron nos mesmos ciclos que cursan actualmente. O evento, que conta co apoio da Xunta, reúne a profesionais de diferentes sectores que compartiran as súas experiencias e consellos para iniciar un proxecto propio.

A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, participou na inauguración desta Semana do Emprendemento, subliñando a importancia de promover o autoemprego e a cultura emprendedora entre a mocidade. "Esta iniciativa permite ao alumnado coñecer a realidade empresarial dende unha perspectiva diferente e valorar o autoemprego como unha saída laboral viable e enriquecedora", destacou. A Xunta, a través do Plan Eduemprende, leva máis dunha década apoiando este tipo de actividades, impulsando os viveiros de empresa en 33 centros educativos e establecendo 100 aulas de emprendemento en centros de FP, incluído o IES de Sabón.

A Semana do Emprendemento incluirá unha xornada para cada familia profesional que se imparte no centro: Hostalaría e turismo, Actividades físicas e deportivas, Administración e xestión, e Electricidade e electrónica. En cada sesión, empresarios e emprendedores de éxito compartirán co alumnado os seus percorridos, dende os retos iniciais ata as claves que os levaron ao éxito. Ademais, este evento tamén busca reforzar as colaboracións entre o IES de Sabón e empresas da contorna onde os estudantes realizan as súas prácticas, promovendo así unha conexión directa co mercado laboral.

O evento, que se prolongará ata o venres, tamén conta coa participación de alumnos doutros centros da comarca da Coruña, creando un ambiente de intercambio de ideas e motivación que, segundo as previsións do centro, "podería converterse nunha referencia para o fomento do emprendemento no ámbito educativo da comarca".

0.18758606910706