O IES de Carral monta un mercadiño de segunda man coincidindo coa feira para financiar a excursión de fin de curso

ACoruñaXa
O alumnado de 4º da ESO venderá este domingo 22 de febreiro xoguetes, libros, xogos e outros obxectos na entrada do Concello, aproveitando a afluencia da xornada feiral
CARRAL feira posto alumnos eso
22 Feb 2026

A feira do Concello de Carral contará este domingo, 22 de febreiro, cun posto moi especial. O alumnado de 4º da ESO do IES de Carral organizará un pequeno mercadiño de segunda man na entrada da Casa do Concello co obxectivo de recadar fondos para a súa excursión de fin de curso.

No posto poderán atoparse xoguetes, libros, xogos de mesa e outros artigos usados en bo estado, nunha proposta que combina a recadación solidaria coa reutilización e a economía circular. A iniciativa busca tamén darlles visibilidade aos proxectos do alumnado e animar á veciñanza a colaborar cunha compra simbólica.

A actividade coincidirá coa feira mensual de Carral, que se instala no Campo da Feira e reúne postos con variedade de produtos, desde alimentación (froita, verdura, embutidos ou queixos) ata artigos de fogar, téxtil e complementos. A cita adoita celebrarse os días 4 e 13 e o último domingo de cada mes, en horario de mañá, de 9.00 a 14.00 horas aproximadamente.

0.088795185089111