O IES David Buján de Cambre recibe a estudantes polacos nun intercambio Erasmus+

ACoruñaXa
A alcaldesa, María Pan, deu a benvida aos nove estudantes polacos, que gozarán dunha semana de actividades culturais e educativas
Intercambio en Cambre polonia
5 Dec 2024

A Casa Consistorial de Cambre converteuse este xoves nun punto de encontro cultural coa recepción oficial que a alcaldesa, María Pan, ofreceu a un grupo de nove estudantes do Liceum Ogólnokształcące im. P. Michałowskiego, de Cracovia (Polonia). Os estudantes, de 17 anos, están participando nun intercambio lingüístico Erasmus+ co IES David Buján, unha experiencia única que combinará aprendizaxe académica con actividades culturais e históricas.

A alcaldesa destacou na súa intervención os eventos máis representativos do municipio, como o Entroido Pequeno Máis Grande do Mundo, o festival Galaicoi, a feira científica OpenScience ou o Rock in Cambre. Tamén subliñou os principais atractivos turísticos de Cambre, como a Igrexa románica de Santa María, o paseo fluvial e o tramo do Camiño Inglés que atravesa o municipio. Precisamente, o Camiño Inglés será un dos temas centrais deste intercambio, no que o alumnado realizará unha etapa desta ruta xacobea e visitará Santiago de Compostela para coñecer a súa rica historia e tradicións.

Tras a recepción oficial, os estudantes gozaron dunha visita guiada ao Xacemento Romano e á Igrexa de Santa María de Cambre. A actividade forma parte dun programa que busca non só reforzar o aprendizaxe de linguas, senón tamén promover valores como o respecto, a convivencia e a amizade entre culturas.

A profesora coordinadora do grupo polaco, especialista en español e francés, destacou a importancia destas experiencias para mellorar o dominio do idioma e achegarse á riqueza cultural doutros países. Os estudantes españois, que cursan actualmente 2º de Bacharelato no IES David Buján, serán os anfitrións ao longo da semana, consolidando lazos que van máis alá do académico.

Este intercambio supón unha oportunidade para ambos os centros educativos de fortalecer as súas relacións internacionais e seguir promovendo programas que fomenten a aprendizaxe global.

 

⚙ Configurar cookies
1.0007300376892