O I Torneo 3x3 de Fútbol Rúa encherá de vida o barrio do Ventorillo
Este martes 24 de setembro, ás 18.00 horas, terá lugar a presentación oficial do I Torneo 3x3 de Fútbol Rúa Ventorrillo, un evento que promete revitalizar o espírito comunitario do barrio. A cita será na Pista Polideportiva do Ventorrillo, situada na rúa A. Salorio Suárez, número 17.
Organizado pola Asociación de Veciños e Veciñas do Ventorrillo, xunto á colaboración da Asociación os Ventolos e máis dunha decena de comercios locais, o torneo celebrarase o sábado 28 e domingo 29 de setembro. Este evento está deseñado para recuperar o pracer de xogar ao fútbol na rúa, como se facía tradicionalmente, fomentando a participación dos máis pequenos do barrio, quen poderá gozar de dúas xornadas dedicadas ao deporte e a convivencia ao aire libre.
Un dos obxectivos principais do torneo é que os nenos e nenas do Ventorrillo deixen ao carón, polo menos por unhas horas, os móbiles e as tablets, e saian á rúa para divertirse nun ambiente saudable e amigable. Ademais, incentivarase a formación de equipos mixtos, promovendo a igualdade e o traballo en equipo.
Non só haberá fútbol durante a fin de semana, senón que tamén se organizarán actividades complementarias e realizaranse sorteos de produtos cedidos polos comercios do barrio, para animar aínda máis aos asistentes e fortalecer a relación entre veciños.
O evento conta co apoio do Concello da Coruña, a través da Concellería de Deportes, que apoiou esta iniciativa destinada a fortalecer os lazos sociais e promover hábitos saudables entre a mocidade do barrio.
Con esta actividade, o Ventorrillo busca converterse nun punto de encontro para as familias e os mozos, recuperando a esencia de xogar na rúa e fomentando o espírito de comunidade que sempre caracterizou ao barrio.