O I Pumptrack Concello de Miño será proba da Copa Galicia: horarios, categorías e inscricións

O circuíto de pumptrack de Miño acollerá o I Pumptrack Concello de Miño, unha competición que formará parte da Copa Galicia desta disciplina. O evento está organizado por A.E.S. Sportkids en colaboración coa Federación Galega de Ciclismo, o Concello de Miño e o Club Ciclista Miñotauros, e reunirá deportistas de todas as idades, ademais dunha modalidade específica para corredores e corredoras locais.
As inscricións para a proba da Copa Galicia, abertas a persoas federadas e non federadas, deberán formalizarse a través da web da Federación Galega de Ciclismo. O programa contempla as categorías promesa, principiante, alevín, infantil, cadete, júnior, sub-23, élite, máster30, máster40 e máster50. No caso da liga local do Concello de Miño, a anotación realizarase o mesmo día de 15.00 a 15.30 horas no propio recinto.
A xornada desenvolverase o sábado 27 de setembro co comezo dos adestramentos ás 15.00 horas, a disputa da liga local ás 16.30 horas, a clasificatoria da Copa Galicia ás 17.00 horas e a final a partir das 18.30 horas. O circuíto de Miño foi inaugurado en 2023 e dende entón consolidouse como referencia para a práctica do pumptrack na comarca.
O día da competición a zona de estacionamento do circuíto reservarase para as carpas dos equipos participantes, polo que non se permitirá o acceso de vehículos. O público poderá estacionar nas áreas colindantes ao aparcadoiro de autocaravanas, habilitadas como alternativa.