O I PumpTrack Concello de Miño cambia de data e celebrarase o 19 de outubro

O I PumpTrack Concello de Miño, inicialmente previsto para finais de setembro e adiado polas condicións meteorolóxicas, celebrarase este domingo, 19 de outubro, nas instalacións do circuito local, inaugurado en 2023 e xa consolidado como referencia para a práctica desta disciplina na comarca.
Organizado por A.E.S. Sportkids en colaboración co Concello de Miño e a Federación Galega de Ciclismo, o evento forma parte da Copa Galicia de PumpTrack 2025. A cita deportiva incluirá categorías que van desde promesas ata máster 50, permitindo a participación de ciclistas de todas as idades e niveis. Ademais, celebrarase unha liga local para os veciños, con inscrición no propio recinto entre as 15.00 e as 15.30 horas.
O programa da xornada comezará ás 15.00 horas con adestramentos abertos aos participantes. Ás 16.30 horas dará comezo a liga local, seguida pola proba clasificatoria da Copa Galicia ás 17.00 horas. A xornada rematará coa final da competición, prevista para as 18.30 horas.
O alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo, destacou que este tipo de actividades fomentan a práctica deportiva entre a mocidade e consolidan a infraestrutura deportiva do municipio. Tamén subliñou o compromiso do Concello con propostas saudables, inclusivas e de lecer para toda a veciñanza.