O humorista Isi será o próximo protagonista do Outono Cultural de Ordes

ACoruñaXa
O auditorio da Casa da Cultura acollerá este venres ás 20.00 horas o espectáculo ‘O 90% é verdade’, un monólogo cheo de anécdotas e humor para todos os públicos
ISI obra teatro
3 Nov 2025

O programa do Outono Cultural, organizado polo Concello de Ordes en colaboración coa Deputación da Coruña, continúa esta semana coa presenza do coñecido humorista Isi, que presentará o seu espectáculo ‘O 90% é verdade’ este venres ás 20.00 horas no auditorio da Casa da Cultura.

O monólogo, dirixido a un público a partir dos 12 anos, mergulla ao espectador nas historias e anécdotas dunha peculiar familia con tres nais e uns veciños singulares. Cunha posta en escena dinámica e cargada de retranca, Isi propón unha hora de risas e reflexión sobre a vida cotiá e as relacións humanas.

O pasado venres o público ordense gozou da representación teatral ‘O proceso’, peza asinada por Cándido Pazó e baseada no xuízo que en 1880 condenou a Manuel Curros Enríquez tras a denuncia do bispo de Ourense. A obra encheu novamente o auditorio, consolidando o éxito do ciclo cultural que cada semana ofrece diferentes propostas escénicas e musicais.

Desde o Concello de Ordes salientan a boa acollida que está a ter o Outono Cultural e animan á veciñanza a continuar participando das actividades programadas, que buscan achegar o teatro, o humor e a cultura a todos os públicos.

⚙ Configurar cookies
0.07541298866272