O Hotel Alda Sada Marina acolle o Concerto de Nadal do grupo de violín tradicional galego Queiroa

A Asociación Musical e de Danza Tradicional Queiroa celebrará o seu Concerto de Nadal o vindeiro 19 de decembro ás 19.30 horas no Hotel Alda Sada Marina. A cita estará protagonizada polo seu grupo de Violín Tradicional Galego e conta coa colaboración do Concello de Sada.
O recital incluirá un repertorio centrado na música tradicional galega, con pezas adaptadas para formación de violíns e guiños especiais ao ambiente das festas do Nadal. A organización destaca que se trata dunha oportunidade para gozar da música de raíz en formato de cámara, nun espazo próximo e cun claro acento sadense.
Desde Queiroa e desde o Concello de Sada anímase á veciñanza a achegarse ao hotel para compartir unha tarde de música en directo e apoiar o traballo formativo e divulgativo que a asociación desenvolve durante todo o ano arredor da cultura tradicional galega.