O historiador e investigador Xavier Castro presenta este mércores en A Coruña o seu novo libro 'Os grandes viños galegos'

O próximo mércores 3 de decembro presentarase na Coruña 'Os grandes viños galegos', un libro asinado polo historiador e investigador Xavier Castro, recoñecido especialista na cultura gastronómica e vitivinícola de Galicia e membro da Real Academia Galega da Gastronomía. A presentación contará coa participación do sumiller Luis Paadín e do escritor e catedrático Chema Paz Gago.
A obra percorre as cinco denominacións de orixe galegas —Rías Baixas, Ribeiro, Ribeira Sacra, Valdeorras e Monterrei—, ademais de incluír as cinco Indicaciones Xeográficas e algúns proxectos emerxentes que están gañando relevancia no ámbito internacional.
Xavier Castro destaca que “A Coruña é a cidade galega onde se realizan as catas máis completas e exhaustivas de todos os viños galegos. Galicia atravesa un momento de esplendor no mundo do viño. Este libro quere poñer en valor o esforzo e a dedicación de viticultores e adegueiros que, con respecto pola terra, souberon proxectar a nosa identidade máis alá das fronteiras”.
O volume ofrece unha visión detallada da historia e da importancia cultural do viño en Galicia, sinalando o seu papel na agricultura, na sociabilidade e nas tradicións populares. Como explica o autor, “o viño achegaba calidade de vida, sendo alimento, estímulo, medicina, e un elemento clave na relación social, na festa e no amor”.
A presentación celebrarase ás 20:00 horas no Espazo Es Bien (Rúa Pintor Joaquín Vaamonde, 2), e forma parte da colección gastronómica que esta editorial galega empezou a consolidar nos últimos anos.