O gurú da agricultura orgánica Jairo Restrepo imparte na Coruña un curso especializado con alta demanda no sector

ACoruñaXa
As 30 prazas do curso están cubertas desde hai semanas e conta con lista de espera de toda Galicia
Jairo Restrepo Rivera
19 Out 2024

A próxima semana, entre o martes 22 e o xoves 24 de outubro, a Fundación Juana de Vega, en colaboración co proxecto agroecolóxico Os Biosbardos (Cambre), organiza o curso "O ABC da agricultura orgánica" dirixido por Jairo Restrepo Rivera, un dos maiores expertos a nivel mundial en agricultura orgánica. Este curso, que forma parte da súa xira por España en outubro, xerou tanto interese que as 30 prazas ofertadas están cubertas desde hai semanas, incluso con lista de espera e solicitudes chegadas de toda Galicia.

O curso será eminentemente práctico e centrarase no uso de recursos naturais locais para mellorar a fertilidade do solo. Restrepo ensinaralles aos participantes como elaborar biofórmulas, activar microorganismos e preparar caldos minerais para o control de enfermidades, evitando a dependencia de insumos externos. O obxectivo é que os agricultores poidan adquirir ferramentas e coñecementos necesarios para aproveitar ao máximo os recursos do seu entorno.

A transición da agricultura convencional á orgánica pode parecer un reto, pero os beneficios a longo prazo, como a mellora da saúde do solo e a sustentabilidade, son innegables. Miguel Roig, fundador de Os Biosbardos, implementou estratexias que permitiron reducir o custo de insumos agrícolas, como o uso de cunchas de vieira trituradas no canto de carbonato cálcico, conseguindo un aforro significativo e fomentando a economía circular ao aproveitar residuos locais.

A agricultura orgánica céntrase na produción de alimentos de alta calidade mentres preserva o equilibrio ecolóxico. Entre as súas prácticas esenciais atópanse a rotación de cultivos, compostaxe, control biolóxico de pragas e o uso de cubertas vexetais.

O docente

Jairo Restrepo Rivera, enxeñeiro agrónomo de orixe colombiano e naturalizado en Brasil, é un referente mundial en agricultura orgánica. Con máis de 35 anos de experiencia, impartiu formación en máis de 30 países e é coñecido polo seu proxecto “La Mierda de Vaca”, centrado en técnicas de fertilización orgánica, recuperación de solos e planificación de cultivos sostibles.

O curso forma parte da aposta da Fundación Juana de Vega por unha produción agropecuaria sostible, seguindo a liña das Xornadas Científico-Técnicas sobre Xestión Rexenerativa celebradas en febreiro deste ano.

A inauguración do curso será o martes 22 de outubro ás 9:30h na sede da Fundación Juana de Vega, e continuará na leira de Os Biosbardos para a parte práctica.

0.16291499137878