O grupo socialista de Carral denuncia o abandono dos espazos públicos

A voceira do PSdeG-PSOE en Carral, Patricia Blanco, denunciou o estado de abandono no que se atopan varios espazos públicos do municipio, especialmente o Marco das Eiras e a senda ZER, onde os socialistas afirman que "é moi difícil o seu desfrute" debido á falta de mantemento.
"Os socialistas de Carral estamos fartos de excusas e esiximos ó Goberno Municipal a urxente actuación do mantemento dos espazos públicos", manifestou Blanco, quen acompañou as súas críticas con imaxes que evidencian o deterioro destas zonas de lecer.
Segundo sinalan dende o grupo municipal socialista, a situación esténdese tamén a estradas de diferentes administracións: “Non hai desbroces nin en zonas de competencia municipal nin nas estradas da Deputación da Coruña, nin na N-550”. Esta falta de limpeza, advirten, “son un perigo para peóns e o mellor combustible para incendios”.
O PSdeG-PSOE esixe ao executivo local medidas inmediatas para corrixir esta situación e garantir que os espazos públicos poidan ser utilizados en condicións de seguridade e salubridade pola veciñanza.