O Grupo Popular esixe explicacións a Inés Rey pola suba do recibo da basura nun 33 % este ano

O Grupo Popular no Concello da Coruña esixe á alcaldesa, Inés Rey, que dea explicacións sobre a suba do recibo da taxa de basura nun 33 % para todos os coruñeses neste 2025, cando a planta de tratamento de residuos de Nostián non cumpre a normativa de reciclaxe na actualidade nin a cumprirá coa nova licitación, o que levou ao Goberno do Estado a solicitar á Xunta de Galicia que actúe debido ao incumprimento.
Segundo sinalan os populares o orzamento municipal para 2025 inclúe en varios informes, entre eles o do Interventor, un incremento na recadación da taxa de basura a fogares do 33 %, o que supón un incremento de 2,9 millóns de euros, pasando de 8,6 millóns de euros en 2024 a 11,5 millóns en 2025. Este incremento tamén afectará á taxa aplicada aos negocios, cunha subida do 25 %, pasando de 2,8 millóns de euros a 3,5 millóns.
A subida prevista para o segundo semestre, cuxo cambio na ordenanza fiscal deberá ser aprobado polo Pleno, non se corresponde coa realidade da planta de tratamento de Nostián, que, ademais de estar sen contrato desde xaneiro de 2020, non cumpre coa normativa de reciclaxe, xa que o 50 % dos residuos se envían a vertedoiro.
A planta nunca cumpriu a normativa desde a súa posta en marcha e non o fará coa nova licitación, que alcanza os 332 millóns de euros por 25 anos, xa que continuará enviando residuos a vertedoiro por encima dos límites establecidos pola normativa europea e non recuperará a cantidade exixida, menos do 30 % cando a norma require máis do 60 %.
O comité de empresa alerta de que a situación das instalacións de Nostián empeora cada vez máis debido á falta de investimentos e ao mal estado da maquinaria, o que dificulta aínda máis o proceso de reciclaxe.
Ademais, indican, ao estar sen contrato dende 2020, Inés Rey xa pagou de forma irregular máis de 30 millóns de euros, e aínda faltarían outros 12 millóns como mínimo ata a adxudicación do novo contrato, que aínda non se licitou.
O Grupo Popular reclama que Inés Rey aclara estas cuestións e explique por que se produce unha suba tan significativa na taxa de basura cando a planta de Nostián non está a cumprir coas normativas esixidas.