O grupo popular esixe diálogo e melloras na Ordenanza de Mobilidade tras a reunión con Tele-Taxi

ACoruñaXa
A formación popular reclama un proceso aberto, con diálogo e consenso para garantir a mobilidade urbana cos sectores implicados
pp-corunha-taxi
30 Jun 2025

O portavoz do Grupo Popular, Miguel Lorenzo, xunto cos concelleiros José Ramón Amado e Antonio Deus, reuniuse con representantes de Tele-Taxi para analizar as alegacións presentadas á nova Ordenanza de Mobilidade, así como para recoller as reclamacións do sector sobre a falta de regulación dos vehículos de transporte con condutor (VTC) no municipio.

Lorenzo sinalou que “a ordenanza, aprobada por PSOE e BNG co voto en contra do PP, non está consensuada con asociacións de persoas con discapacidade, nin de taxistas, nin de transportistas, nin de aparcadoiros, nin de nada… Perderon unha gran oportunidade para elaborar unha ordenanza consensuada e modernizada”.

Desde Tele-Taxi, segundo traslada a formación popular, lamentan que a elaboración da norma se fixese “sen planificación previa”, dado que o Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) leva sen actualizarse desde 2014, e que o proceso careceu de diálogo, cunha “aplicación dudosa do réxime sancionador” e sen resolver problemas como o acceso ás zonas peonís.

Ademais, expresaron a súa preocupación pola “competencia desleal que consideran realizan os VTC neste momento por falta de vontade política do Goberno municipal, que segue sen regular a súa situación”.

Lorenzo tamén destacou que “na Ordenanza, ademais, tras eliminar máis de 1.400 prazas de aparcadoiro agora van duplicar os barrios onde cobrarán a ORA a quen non ten ‘establo’ para aparcar a súa ‘vaca’”, facendo referencia ás dificultades que isto supón para os cidadáns.

Desde o grupo popular reclaman un proceso aberto, con diálogo e consenso para garantir unha mobilidade urbana que teña en conta a realidade e as necesidades de todos os sectores implicados.

⚙ Configurar cookies
0.071521997451782