O grupo musical Fuxan os Ventos celebra cunha mostra na Coruña o seu 50 aniversario
O Concello da Coruña abre este xoves 14 de marzo a mostra que celebra o 50 aniversario do grupo musical Fuxan os Ventos. A exposición, que leva a por título ‘Fuxan os ventos. 50 anos de historia’ inaugurarase na Sala Salvador de Madariaga ás 19.00 horas e contará coa presenza de Gonzalo Castro, concelleiro da Área de Fomento e Promoción da Cidade; Sabela Fraga, comisaria da exposición e membros do propio grupo musical.
A mostra, de carácter itinerante, chega agora á cidade da Coruña. A exposición poderá visitarse na Sala Municipal de Exposicións Salvador de Madariaga desde o 14 de marzo ao 2 de xuño de 2024: polas mañás en horario de 12.00 a 14.00 horas e polas tardes entre as 18.00 e as 21.00 horas.
A idea desta exposición nace da necesidade de celebrar os 50 anos de historia do grupo lugués, máis tamén da necesidade de por en valor o seu percorrido musical. O proxecto expositivo idéase por un grupo de persoas entre os que se atopan varios membros de ‘Fuxan os Ventos’, a comisaria, a directora de arte Melania Freire e a coordinadora do proxecto Noa Díaz.
O grupo 'Fuxan os ventos' ofreceu o seu primeiro concerto o 22 de outubro de 1972 no III Festival das San Lucas de Mondoñedo. Medio século despois a mostra pretende lembrar unha das agrupacións máis emblemáticas da música galega a través da ampla variedade de formatos que conforman o seu arquivo persoal. Fotografías, carteis, instrumentos, poemas, partituras e audios inéditos son algunhas das pezas a través das cales poderemos mergullarnos na cronoloxía e no universo creativo de Fuxan os Ventos, nunha mostra que, ademais, conta coas achegas de múltiples persoas e entidades culturais do país.