O grupo galego Adhara & Ritman dará un concerto en Cambre polo San Xoán
O municipio de Cambre celebrará un concerto extraordinario de San Xoán ao ritmo da música de Adhara & Ritman, que presentarán o seu novo proxecto musical en galego.
A actuación será o sábado, 22 de xuño, ás 22.00 horas no parque da Igrexa e realízase a través da Rede Cultural da Deputación da Coruña.
O recital dos artistas estará baseado nas raíces folk galegas mesturando, iso si, outros estilos puros de raíz como o blues, o reggae e o swing, entre outros. Ademais de textos da súa propia autoría, Adhara & Ritman levarán á escena cancións populares galegas adaptándoas ao estilo reggae.
A formación acaba de sacar o seu primeiro traballo 'Libre son'. No disco, Adhara Caamaño, coñecida como A Cuncheira de sofán, asumiu a parte vocal, mentres que Tito Barbeito (Tito Ritman) se encargou tanto da composición como dos arranxos do CD. Neste proxecto colaboraron co dúo músicos como Arturo Krest, batería, compositor de bandas sonoras e músico que traballou con grupos como Colorado.