O grupo de maiores de Oleiros renóvase: 'Memoria Oleira' toma o relevo de 'Cociña e Barro'

O grupo de maiores que traballa na recuperación da tradición oleira en Oleiros inicia unha nova etapa baixo a denominación “Memoria Oleira”. Esta iniciativa xurdiu no seo do grupo “Cociña e Barro”, que desde 2018 forma parte do programa municipal de envellecemento activo no Museo Os Oleiros.
Durante estes anos, a memoria foi o eixo central do proxecto, promovendo a recuperación da historia das telleiras de Oleiros e a súa difusión a través de diversas actividades. Entre elas, destacan os encontros interxeracionais nas escolas, a creación de pezas para o museo, así como excursións por Galicia para coñecer outros centros oleiros. Ademais, desenvolveron iniciativas relacionadas coa cultura popular, como a recuperación de receitas tradicionais elaboradas en barro, a recollida de testemuños de feirantes e telleiros, ou a celebración de obradoiros sobre distintas técnicas artesanais.
O cambio de nome responde á ampliación dos ámbitos de traballo do grupo, que este ano ofrece novos obradoiros sobre candeas, regamacetas, soportes para móbiles, esmaltado, papel reciclado, herbas e cianotipos, ademais de actividades estacionais como o magosto e o obradoiro de Nadal.
Esta nova etapa reforza a conexión entre os maiores participantes, o Museo Os Oleiros e o alumnado dos colexios do municipio, promovendo a difusión da cultura oleira e a recuperación da memoria viva ligada ao barro. O proxecto busca tamén identificar fitos históricos vinculados a este material, como antigas tendas que vendían obxectos de barro, contribuíndo así á conservación do patrimonio local.