O gran comercio téxtil da provincia da Coruña volve á folga o 7 de xaneiro contra o convenio estatal que impulsa ARTE

O persoal do gran comercio téxtil na provincia da Coruña está chamado a unha nova xornada de folga o mércores 7 de xaneiro. A convocatoria, impulsada por CIG e UGT, coincidirá co inicio das rebaixas de inverno e busca visibilizar o rexeitamento a un futuro convenio de ámbito estatal promovido pola patronal ARTE (na que se integran grandes cadeas como Inditex, Mango, H&M, Primark, Cortefiel, Kiabi ou Uniqlo), ao entender que podería situar o sector en peores condicións ca as recollidas nos convenios provinciais.
Xunto ao paro de 24 horas, as centrais teñen prevista unha mobilización na cidade da Coruña: unha manifestación que sairá ás 12.00 horas desde a Praza de Lugo e rematará no Obelisco, percorrendo o centro urbano.
O núcleo da protesta é a esixencia dun ‘acordo marco galego’ que blinde a prioridade aplicativa dos convenios provinciais fronte ao estatal. Segundo trasladan as organizacións convocantes, tras as mobilizacións do 10 de decembro a parte empresarial aceptou na última xuntanza a prioridade da negociación autonómica, e a partir de aí solicitáronse reunións coas patronais provinciais a través do Consello Galego de Relacións Laborais, pero sen resposta ata o momento.
Os sindicatos alertan de que o texto que se negocia en Madrid suporía un retroceso ao introducir salarios inferiores (cunha perda estimada de entre 2.000 e 3.000 euros ao ano), eliminar complementos ligados á antigüidade, recortar licenzas e endurecer a organización do traballo (con máis flexibilidade de horarios e calendarios e menos garantías sobre domingos e festivos), ademais de afectar a conceptos como o complemento en situacións de incapacidade temporal. Na provincia, a problemática alcanzaría arredor de 2.500 persoas traballadoras e unhas 40 empresas, segundo as mesmas fontes.
A nova convocatoria chega despois dun primeiro pulso o 10 de decembro, que tivo un seguimento elevado segundo os sindicatos e congregou centos de persoas na rúa (con cifras dispares entre as estimacións sindicais e as oficiais). As negociacións do convenio estatal, mentres, continúan abertas.