'O Gran Camiño' abrirá na Torre de Hércules unha etapa para exhibir a Coruña ao mundo

A Coruña volverá ser o punto de saída de 'O Gran Camiño' 2026 coa disputa da primeira etapa o martes 14 de abril. A proba abrirase cunha contrarreloxo individual con saída e meta na Torre de Hércules, nun percorrido urbano pola súa contorna e polo paseo marítimo que converterá a cidade no gran escaparate inicial da carreira.
A cita levará á cidade algúns dos equipos e nomes máis destacados do pelotón. Entre os confirmados figuran o UAE Team Emirates con Adam Yates, o Movistar Team con Iván Romeo, Pablo Castrillo e Carlos Canal, e o Q36.5 Pro Cycling Team con Alessandro Pinarello. A organización da proba destaca ademais a súa proxección internacional, cunha retransmisión a través de canles como Eurosport en máis de 170 países.
Máis alá do valor deportivo, a etapa terá unha incidencia directa na mobilidade urbana. O Concello prevé cortes de tráfico no paseo marítimo e restricións en tres sectores, Torre de Hércules-Monte Alto-Riazor, Escravas-Labañou e Os Rosais-O Portiño. Tamén se verán afectadas as liñas urbanas 3, 3A, 7, 11, 12 e 14, mentres que nas estacións de BiciCoruña situadas no percorrido non haberá servizo durante a xornada.
Con esta saída, a cidade reforza a súa presenza no calendario dos grandes eventos deportivos e converterá un dos seus espazos máis recoñecibles nun circuíto de ciclismo profesional por un día.