O Goberno reafirma o seu apoio ao modelo de vivenda social e público en Xuxán

ACoruñaXa
O delegado en Galicia, Pedro Blanco, expresou a súa preocupación ante a situación vivida pola cooperativa
xuxan-ministerio
2 Jun 2025

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, reuniuse con representantes da cooperativa de vivendas do barrio coruñés de Xuxán para trasladarlles o compromiso do Ministerio de Vivenda coa defensa do carácter social deste proxecto residencial.

Durante o encontro, no que tamén participou a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, Blanco insistiu en que o Executivo está a traballar para que as vivendas públicas de alugueiro asequible se leven a cabo baixo as condicións iniciais previstas.

O delegado expresou a súa preocupación ante a situación vivida pola cooperativa e lembrou que as subas nas achegas solicitadas pola xestora aos cooperativistas non se deben a modificacións nas condicións da liña de financiamento do Instituto de Crédito Oficial (ICO), xa que esta aínda se atopa en fase de estudo.

Neste sentido, destacou que o Ministerio de Vivenda, a través do ICO, xa asinou 58 operacións en todo o Estado, cun investimento de 715 millóns de euros, que permitirán construír máis de 6.000 vivendas en réxime de alugueiro social. Proxectos semellantes están en marcha noutras cidades españolas e tamén no propio barrio de Xuxán.

Blanco asegurou que o Goberno manterá o diálogo coa Xunta de Galicia para evitar que esta iniciativa derive nun modelo especulativo afastado da súa finalidade pública. Subliñou que é imprescindible evitar que a licitación acabe en mans dunha cooperativa de investidores, co conseguinte risco de que se perdan os obxectivos sociais do proxecto.

Ademais, o delegado comprometeuse a manter unha canle aberta e directa de comunicación e asesoramento co Ministerio de Vivenda, logo do primeiro contacto establecido o mes pasado para coñecer en detalle a realidade dos afectados.

 

 

 

 

⚙ Configurar cookies
0.13697099685669