Curtis leva a pleno a mellora das pistas de Paradela–Muradela, AC-231–Gulpilleira e un tramo no Outeiro

ACoruñaXa
A segunda fase do POS+ Adicional 4/2025 inclúe un investimento de 178.141,45 euros para ampliar firme e renovar a capa de rodadura en varias vías municipais
concello de curtis
12 Dec 2025

O Concello de Curtis someterá ao próximo pleno a aprobación da segunda fase do Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal, POS+ Adicional 4/2025, da Deputación da Coruña, unha fase especificamente dirixida a investimentos financeiramente sostibles vinculados á mellora de infraestruturas municipais.

O proxecto que se inclúe neste plan contempla a ampliación do firme da calzada e a renovación da capa de rodadura en varias vías do termo municipal: o vial Paradela–Muradela, o tramo da AC-231 cara Gulpilleira e o acceso no Outeiro. O investimento previsto para estas actuacións ascende a 178.141,45 euros.

Coa execución destas obras, o goberno local pretende mellorar a seguranza viaria, o confort da circulación e o estado xeral da rede viaria municipal, especialmente en zonas rurais nas que estas pistas constitúen o principal acceso a vivendas e explotacións agrogandeiras.

Está previsto que os traballos se executen arredor do verán do 2026, unha vez superados os trámites administrativos e de contratación necesarios.

⚙ Configurar cookies
0.071083068847656