O Goberno local de Cambre ten como prioridade garantir o pago a empresas provedoras

ACoruñaXa
O obxectivo do Executivo é aprobar no pleno un novo recoñecemento extraxudicial de crédito
Imaxe do Concello de Cambre
26 Feb 2025

O Goberno local de Cambre destaca que o pago das facturas ás empresas que prestan servizos ao Concello segue a ser unha prioridade. Un obxectivo que o Executivo confía en refrendar no pleno deste xoves 27 de febreiro, coa aprobación dun novo recoñecemento extraxudicial de crédito. O expediente ascende a 161.171,27 euros e inclúe facturas correspondentes ao mantemento de zonas verdes e xardíns, servizos de conserxería, subministración de combustibles, entre outros.

En definitiva, tal e como explica o concelleiro de Economía, Facenda, Innovación Tecnolóxica e Seguridade Cidadá, Daniel Mallo, “estamos a falar de prestacións esenciais para o correcto funcionamento da administración”. O edil apela á “responsabilidade” dos grupos municipais para garantir “que as empresas cobren polos traballos que efectivamente realizaron para este Concello”.

No pleno de mañá, o Goberno local tamén proporá a aprobación dos expedientes de liquidación de Augaservi e EMSO. Trátase dun trámite que permitirá concluír a revisión de oficio destas dúas empresas e posibilitar o pagamento de medio millón de euros en facturas pendentes. Pola súa banda, o recoñecemento extraxudicial de crédito recollerá aquelas facturas que non se aboarán a través da liquidación de Augaservi e EMSO.

Ata o de agora, o executivo municipal conseguiu aprobar cinco recoñecementos extraxudiciais de crédito, abonando ao tecido empresarial 4.255.851,92 euros a través desta fórmula. O expediente que se levará a pleno mañá xa fora presentado nas sesións de decembro e xaneiro, pero foi rexeitado polo voto en contra dos 11 edís das agrupacións locais do PP, PSOE e BNG. Estes concelleiros argumentaron que “existían outras fórmulas para proceder aos pagamentos, pero sen achegar ningunha solución”, lamentou no seu momento a alcaldesa, María Pan Lesta.

⚙ Configurar cookies
0.52762007713318