O Goberno local de Cambre recibiu a estudantes do IES David Buján e dun instituto de Bulgaria

A alcaldesa de Cambre, María Pan, e o concelleiro da Axencia de Desenvolvemento Local, Patrimonio e Turismo, Ramón Boga, recibiron, esta semana, a unha trintena de estudantes do IES David Buján e dun instituto de Bulgaria que están a tomar parte no proxecto Healthy living together. Trátase dunha nova experiencia de intercambio Erasmus+ coa que se busca promover a convivencia nos centros de ensino.
Os 12 estudantes búlgaros chegaron o pasado sábado a Cambre e estarán no municipio ata o sábado 12 de outubro. Ao longo destes días, no instituto cambrés déronlles a coñecer a súa liña de traballo en canto á resolución de conflitos, así como os equipos de mediación dos que dispoñen e o tipo de actividades que celebran para promover unha boa convivencia entre os membros da comunidade educativa. Esta experiencia completarase no mes de abril, cando os mozos e mozas do David Buján viaxarán ao país búlgaro.
Durante a recepción, a rexedora deulles a benvida aos mozos, aos que se lles brindou unha explicación dos eventos e celebracións principais do municipio: o Entroido Pequeno Máis Grande do Mundo, a Galaicoi, o Rock in Cambre e a Open Science. Durante a súa intervención, a alcaldesa valorou estas citas como “parte dá nosa esencia como municipio e tamén como motor dá unión entre a veciñanza, desa convivencia que é a temática central deste intercambio”.