O Goberno local de Bergondo aproba un suplemento de crédito para investimentos

O Goberno local de Bergondo (PSOE-AV) aprobou, co seu propio voto no pleno, un suplemento de crédito por valor de 905.754 euros, que se destinará integramente a investimentos no municipio. Esta medida combina proxectos novos con outros xa en marcha que precisaban dun incremento orzamentario. Os grupos da oposición (PP e BNG) optaron pola abstención.
A combinación de proxectos novos e preexistentes suma un total de 11 actuacións, elevando o valor global das obras a máis de 1,2 millóns de euros. Entre as iniciativas que precisaban unha ampliación orzamentaria atópanse a rehabilitación enerxética do centro social de Santa Marta, a adquisición de seis novas marquesiñas, os saneamentos en Covas e O Outeiro (Ouces) e a mellora da praza de Santa Marta.
Entre as actuacións de nova implantación destaca a reforma do centro sociocultural de Mariñán, cun orzamento superior aos 275.000 euros. A obra mellorará a accesibilidade e a eficiencia enerxética do edificio e incluirá unha pequena ampliación para adaptalo mellor ás necesidades dos colectivos que o utilizan, especialmente os cazadores de Bergondo.
Tamén se levará a cabo a pavimentación de diversas vías interiores no Polígono de Bergondo, unha actuación urxente debido ao deterioro causado polo tráfico pesado. Intervirase nas rúa Parroquia de Guísamo, Vixoi, Lubre e Cortiñán, ademais da reparación de arquetas e pozos danados. Este proxecto conta cunha dotación de 153.782 euros.
Outro proxecto novo é a mellora da rede de pluviais en Pisón, cun investimento de case 43.000 euros, para evitar desbordamentos en épocas de choivas intensas. Para iso, instalarase un colector principal e reporanse os firmes afectados.
Ademais, destinaranse arredor de 62.500 euros á limpeza da desembocadura dos ríos Callou e Miodelo, unha medida fundamental para evitar desbordamentos e recuperar a capacidade de drenaxe da zona.
Entre as actuacións restantes atópase a substitución das barandas na rotonda da AC-162 en Aldea Cornide, Gandarío, e a execución de beirarrúo na rotonda de Os Condes.
O Goberno local de Bergondo defende que este paquete de investimentos supón "unha mellora integral dos servizos básicos do municipio, abranguendo actuacións en locais sociais, mobilidade e redes de recollida de augas pluviais". Ademais, subliña que estas obras dan resposta ás demandas da veciñanza.
O executivo local destaca que este nivel de investimento só é posible grazas á súa xestión económica responsable: "Un Concello saneado pode atender as necesidades da cidadanía e garantir que os recursos dos bergondeses e bergondesas revertan directamente neles".