O Goberno de Culleredo responde á acusación do PP sobre a sentenza de Jardincelas

ACoruñaXa
Acusan ao PP de demostrar un profundo descoñecemento das normas máis básicas de protección laboral
Casa do Concello de Culleredo
24 Apr 2025

O Goberno municipal de Culleredo respondeu con firmeza ás críticas vertidas polo Partido Popular en relación coa recente sentenza xudicial que recoñece a responsabilidade solidaria do Concello no caso da empresa concesionaria Jardincelas. Desde o executivo local cualifican de manipulación interesada as declaracións da voceira popular, Izaskun García, e lamentan que “se pretenda confundir á veciñanza utilizando unha resolución que entra dentro da máis absoluta normalidade xurídica”.

O Concello defende que esta sentenza responde ao marco legal que protexe os dereitos dos traballadores cando unha empresa privada incumpre as súas obrigas, e non a ningunha “inacción” por parte da administración, como asegura o PP. “É unha ferramenta habitual nas relacións entre administracións e contratas, empregada tamén en concellos gobernados polo propio Partido Popular”, indican.

Desde o Goberno local subliñan que estas resolucións son imprescindibles para que os impagos poidan ser cubertos polas retencións ás empresas, e acusan ao PP de descoñecer as normas básicas de protección laboral. “É especialmente grave que quen aspira a gobernar un dos concellos máis grandes de Galicia amose tal falta de coñecemento”, afirman.

O executivo tamén critica a actitude do grupo popular ao longo do tempo, asegurando que “non fixeron máis que mirar para outro lado” ou “poñerse do lado da empresa”, lembrando os encontros da voceira do PP con directivos de Jardincelas mentres o goberno local dialogaba cos traballadores para defender os seus dereitos.

Ademais, consideran “curioso” que o PP reclame agora axilidade na xestión cando non apoiou en ningún momento o reforzo dos recursos humanos e técnicos da administración local, algo que consideran clave para garantir unha contratación pública segura e eficaz.

O Goberno de Culleredo conclúe asegurando que continúa traballando na regularización dos contratos con responsabilidade, de forma ordenada e seguindo os criterios dos técnicos municipais, coa legalidade por diante e sempre coa prioridade posta na defensa dos dereitos laborais.

⚙ Configurar cookies
0.15636706352234