O Goberno de Cambre leva de novo a pleno o pago de facturas pendentes e a modificación da RPT

A alcaldesa de Cambre, María Pan, defenderá de novo no vindeiro pleno dúas propostas que considera "esenciais para mellorar a situación do Concello". Trátase do recoñecemento extraxudicial de crédito (REC) por un importe de 161.171,27 euros para o pago de facturas pendentes a provedores e da modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT), unha medida que permitiría incorporar máis técnicos superiores A1 nas áreas de Contratación, Intervención e Cultura, Deportes e Xuventude.
Ambos puntos foron xa sometidos a votación en sesións anteriores, sendo rexeitados pola maioría absoluta do PP, PSOE e BNG. A rexedora confía en que os once concelleiros destes grupos "recapaciten e cambien o seu sentido do voto pensando no que é mellor para Cambre e para a veciñanza".
Sinalan desde o Goberno municipal que o expediente de recoñecemento extraxudicial de crédito que se presentará no pleno ascende a 161.171,27 euros e permitirá abonar facturas correspondentes a servizos como o mantemento de zonas verdes e xardíns, conserxería ou subministración de combustibles. Son pagos pendentes de exercicios anteriores, polo que, segundo sinala a alcaldesa, "o REC é a única vía para proceder ao seu pagamento".
A proposta do Goberno local tamén inclúe a modificación da RPT, que contempla a amortización de tres postos actualmente vacantes —un de dinamizador cultural e dous de conserxe— para transformalos en técnicos superiores A1. Segundo explica Pan, este cambio "permitirá dar unha solución ao problema estrutural que padece o Concello", mellorando a capacidade técnica en áreas clave para a xestión municipal.
Se a medida sae adiante, realizaranse tamén outras modificacións na RPT para adaptar os departamentos a esta nova estrutura. No caso da área de Contratación e Patrimonio, incorporaríase un técnico A1, acompañado de dous A2 e dous auxiliares, o que axilizaría os procedementos e permitiría descargar á Secretaría dalgunhas das funcións que agora asume por falta de persoal cualificado.
En Intervención, o novo técnico A1 sumariase a dous A2, dous auxiliares e un administrativo, garantindo unha maior eficiencia na tramitación dos procedementos económicos do Concello. No departamento de Cultura, Deportes e Xuventude, a incorporación dun A1 serviría para apoiar ao coordinador na xestión de contratos, subvencións e convenios, moitos dos cales levan anos sen actualizar.
O Goberno local defende que estas medidas son imprescindibles para mellorar a xestión municipal e reclama o apoio dos grupos da oposición para desbloquear esta situación e garantir unha maior eficacia na administración local.