O goberno de Cambre leva a pleno facturas de preto de 532.710 euros

ACoruñaXa
Lévanse a aprobación pola urxencia que existe en continuar pagándoas para garantir os servizos esenciais
Imaxe do Concello de Cambre
27 Jan 2025

O goberno de Cambre realizará un novo recoñecemento extraxudicial de crédito (REC) elevado ao pleno do próximo 30 de xaneiro, con facturas que suman un total de 532.710,17 euros. O motivo de levalas a aprobación é, sinalan dende o goberno local, a urxencia que segue existindo en continuar pagando as facturas e garantir servizos esenciais mentres non se licitan e adxudican os servizos esenciais.

Neste expediente recóllense as mesmas facturas que foron levadas ao pleno en decembro e finalmente, polo voto en contra dos concelleiros do PSOE de Cambre, PP de Cambre e BNG de Cambre, explican, non puido chegar nin a debaterse.

Entre as facturas incluídas no REC, atópanse dúas da empresa que presta o servizo de auga e alcantarillado do cuarto trimestre de 2023 e o primeiro de 2024, ou as da empresa de limpeza viaria, cuxas facturas supoñen o 73,2 % sobre o importe total que vai ao pleno. Sinalan dende o Concello que cabre lembrar que a estas dúas empresas obrigouse a continuar prestando o servizo por acordo plenario e resolución de alcaldía, ao estar prestando servizos esenciais que o Concello ten a obriga de manter.

A alcaldesa María Pan fai un chamamento para que “os grupos municipais fagan unha avaliación obxectiva da situación, dado que non hai outra opción para o pagamento destas facturas que levalas ao pleno, e as mesmas repercuten directamente nas familias dos traballadores das empresas así como na calidade e mesmo na prestación de servizos esenciais.”

Neste sentido, o goberno municipal mantivo reunións con todos os grupos municipais que forman a Corporación, para explicarlles o contido do REC e as facturas incluídas no mesmo, coa intención de chegar a un punto de entendemento que permita abonar as facturas aos provedores mentres non se rematan as licitacións de todos os servizos.

Tal e como explica Daniel Mallo, concelleiro de Economía e Facenda, “reunímonos con todos os grupos municipais para comentar as facturas contidas no REC e a importancia de que este saíse adiante, con afán construtivo, e buscando mellorar as canles de comunicación entre nós, agradezo publicamente a disposición de todos os grupos de acudir ás reunións.”

Ademais das dúas empresas antes mencionadas, inclúense outras facturas de limpeza de edificios municipais, cuxo contrato se atopa en tramitación administrativa, o mantemento de zonas verdes, facturas de combustible e carburante, cuxo contrato se atopa pendente de informe de adxudicación, así como facturas de telecomunicacións e outros servizos de importancia para a cidadanía. Estas facturas suman o 25,2 % do REC. Tamén se inclúe unha factura de subministros que pola súa natureza só pode ser aprobada no pleno, e corresponde ao 1 % do REC.

O goberno municipal espera que se permita sacar adiante o pagamento destas facturas e seguir así garantindo os servizos esenciais mentres non se pechen as licitacións destes, así como os de outros servizos de importancia para Cambre.

0.061132907867432