O goberno de Arteixo sinala que non ten competencias para construír a residencia de maiores
O goberno municipal de Carlos Calvelo responde á proposta realizada por PSOE, BNG e Alternativa dos Veciños para que o Concello de Arteixo constrúa unha residencia de maiores, sinalando que as competencias municipais impiden legalmente acometer ese tipo de equipamento. “Son competencias que legalmente corresponden a outras administracións, como a Xunta de Galicia ou a Deputación da Coruña. É coma se se solicitase que o concello constrúa un hospital ou unha universidade; sinxelamente, o concello non pode asumir esas inversións por motivos legais”, explica o goberno local.
Desde o executivo municipal insisten en que, “en lugar de caer na demagoxia barata que consiste en comprometerse con inversións que saben que o concello non pode legalmente asumir, deberían traballar conxuntamente co goberno local para que os seus propios partidos —neste caso o PSOE e o BNG— inclúan Arteixo no programa xa en marcha de construción de residencias da Deputación da Coruña. Este programa contempla proxectos similares en concellos como As Pontes, Ordes ou Rianxo”.
Neste sentido, o goberno de Arteixo levará ao pleno unha moción para ofrecerlle de forma gratuíta á Deputación da Coruña un terreo situado en Pastoriza co obxectivo de que a institución provincial constrúa alí unha residencia de maiores no marco do seu programa de infraestruturas sociais. O terreo municipal, que mide arredor de 4.000 metros cadrados, está situado ao carón da praza do Santuario de Pastoriza, delimitado polas rúas Paseo do Santuario e Rúa Igrexa.