O Goberno central anuncia que licita a nova pasarela peonil ao castelo de Santa Cruz en Oleiros

O Executivo central vén de abrir o proceso de licitación para a construción dunha nova pasarela peonil que facilitará o acceso ao castelo de Santa Cruz, no concello de Oleiros. A actuación, promovida polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, conta cun orzamento de 74.887,63 euros. As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 2 de setembro.
A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, puxo en valor esta intervención que, malia ser “pequena en termos económicos”, supón unha actuación “de enorme valor simbólico, social e patrimonial”. Rivas destacou que o castelo de Santa Cruz é un Ben de Interese Cultural (BIC) e un símbolo da defensa costeira galega, polo que mellorar o seu acceso constitúe un paso importante tanto para a seguridade das persoas como para a posta en valor do lugar.
A nova estrutura peonil dará resposta a unha demanda histórica da veciñanza e do propio Concello de Oleiros, e busca tamén reforzar o atractivo turístico do enclave. “Falamos dunha actuación que vai máis alá da infraestrutura”, indicou a subdelegada, quen subliñou que se trata tamén dunha aposta pola conservación do patrimonio e o turismo sostible.
“O castelo acolle actividades culturais e educativas que atraen a milleiros de visitantes cada ano. Mellorar o acceso é tamén mellorar a proxección turística de Oleiros”, concluíu Rivas.