O Goberno avanza na mellora do borde litoral da ría do Burgo con catro novos proxectos

ACoruñaXa
Desenvolveranse na Coruña, Oleiros, Culleredo e Cambre co fin de mellorar o borde litoral tras a obra de rexeneración
cull-burgo-gobierno
20 Jun 2025

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, destacou os avances no cumprimento dos compromisos do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico cos concellos da ría do Burgo para mellorar o borde litoral tras a finalización da obra de rexeneración da ría. Blanco informou do estado de tramitación de catro proxectos que se desenvolverán na Coruña, Oleiros, Culleredo e Cambre, compromiso adquirido polo secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, durante a súa última visita á zona xunto cos alcaldes destes municipios.

Estas actuacións supoñen un investimento de máis de cinco millóns de euros que se engaden aos 41,5 millóns xa investidos polo Ministerio na rexeneración da ría do Burgo. O delegado subliñou que estes traballos son “fundamentais para completar a humanización da ría e mellorar a calidade de vida da veciñanza”.

Ademais, o Boletín Oficial do Estado (BOE) publicou a apertura da fase de información pública para dous dos proxectos, que implican novas actuacións: a prolongación do paseo marítimo entre Oleiros e Cambre en 453 metros e o tratamento do borde litoral no parque do Paraíso en Oleiros. A estes sumarase a prolongación do borde marítimo na zona da Pasaxe, coa creación de pavimento peonil e carril bici similares aos xa executados en máis de 4 quilómetros da ría, así como a mellora do muro do paseo en Culleredo e a construción e reparación de 3.200 metros de pavimentos.

Estas últimas actuacións, ao considerarse obras de mellora, non precisan fase de información pública, polo que a Demarcación de Costas está a realizar a súa tramitación ordinaria. Pedro Blanco asegurou que, unha vez rematadas as tramitacións, o Ministerio executará os proxectos con medios propios, a través de Tragsa, o que permitirá acurtar notablemente os prazos de realización das obras.

⚙ Configurar cookies
0.13543701171875