O GDR Ulla Tambre Mandeo lanza 'Camiños de Auga sobre rodas' con sete rutas cicloturísticas

ACoruñaXa
Os percorridos, que se realizarán en outubro polos oito concellos do xeodestino, buscan impulsar o turismo sostible e desestacionalizado na zona
Camiños de auga sobre rodas
4 Out 2024

O GDR Ulla Tambre Mandeo presentou esta semana o seu novo proxecto de cicloturismo, 'Camiños de Auga sobre rodas', unha serie de sete rutas guiadas que se desenvolverán nos concellos do xeodestino durante as dúas últimas fins de semana de outubro. O acto de presentación celebrouse na igrexa de Santa María de Mezonzo, en Vilasantar, e contou coa participación de representantes municipais e asociacións locais.

Segundo explicou Chus Novo, presidenta do GDR e alcaldesa de Boimorto, o obxectivo deste proxecto é situar a comarca como un destino de referencia no cicloturismo, atraendo visitantes que valoren o patrimonio, a natureza e a gastronomía. "Este tipo de turismo é respectuoso co medio e encaixa á perfección cos recursos que ofrece o noso territorio", destacou.

As rutas, de baixa dificultade, terán unha extensión entre 18 e 25 quilómetros e estarán abertas tanto a bicicletas convencionais como eléctricas. Celebraranse dúas rutas cada sábado, unha pola mañá e outra pola tarde, mentres que os domingos só se realizará unha pola mañá. Os ciclistas terán a oportunidade de coñecer lugares de gran interese como o Coto do Pilar, a fervenza de Brañas, ou a igrexa románica de Sendelle, ao tempo que gozan da paisaxe local.

Un dos incentivos para os participantes será o agasallo dun queixo con Denominación de Orixe Protexida Arzúa-Ulloa para aqueles que completen as sete rutas. Ademais, a organización, liderada por Serafín Martínez, subliña que o evento non ten carácter competitivo, senón que está orientado ao desfrute e á convivencia en harmonía coa contorna. Cada ruta limitarase a un máximo de 80 participantes, e as inscricións serán de balde e realizaranse a través da seguinte plataforma en liña.

O proxecto “Camiños de Auga sobre rodas” enmárcase dentro da estratexia do GDR para desestacionalizar o turismo na comarca. O seu obxectivo é atraer visitantes non só da zona, senón tamén doutros puntos de Galicia, Asturias, León e o norte de Portugal, favorecendo así o dinamismo económico local, especialmente en tempada baixa.

0.19168305397034