O futuro Pazo da Cultura de Abegondo contará co apoio da Xunta para a súa equipación

ACoruñaXa
O edificio, de valor histórico, converterase nun centro cultural de referencia para o municipio
abeg-pazo
23 Jul 2025

A Xunta de Galicia achegará 240.000 euros ao Concello de Abegondo para dotar do equipamento necesario o edificio colonial da finca de Os Loureiros, actualmente en proceso de rehabilitación para ser transformado no novo Pazo da Cultura do municipio. Así o anunciou este martes o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, durante unha visita ao inmoble.

A colaboración concretarase mediante un convenio que se abordará no vindeiro Consello da Xunta. Segundo detallou López Campos, o Goberno galego achegará 200.000 euros para instalar o mobiliario preciso para a posta en marcha dun salón de actos e espazos destinados a actividades vinculadas coa lectura.

“O compromiso coas administracións locais no impulso das infraestruturas máis axeitadas para ofrecer actividades culturais” foi unha das ideas que o conselleiro quixo destacar, subliñando que a implicación da Xunta “é fundamental para pór en marcha proxectos como este que supoñen un gran fito cultural para a veciñanza”. Tamén engadiu que a iniciativa “supón unha aposta tanto pola dinamización da cultura como pola posta en valor e aproveitamento do patrimonio e da súa contorna paisaxística”.

O edificio, de valor histórico, converterase nun centro cultural de referencia para o municipio. Tras a súa restauración, acollerá diferentes servizos nun único espazo, ofrecendo novos lugares de encontro e formación cidadá e contribuíndo á revitalización da zona.

A futura biblioteca municipal trasladarase a este inmoble, que se converterá así nun punto neurálxico para a lectura, a aprendizaxe e a actividade cultural. Ademais, o antigo salón de vodas será reconvertido nun salón de actos preparado para acoller unha ampla variedade de eventos.

A versatilidade das instalacións permitirá a organización de exposicións, cursos formativos, encontros culturais e actividades pensadas tanto para a terceira idade como para o público infantil. Neste sentido, López Campos sinalou que o obxectivo é “converter este espazo nun punto de referencia na contorna para albergar accións de lecer e formativas de calidade, reforzando o sentido de comunidade e fortalecendo a identidade local a través da cultura”.

⚙ Configurar cookies
0.17545485496521