O fútbol base toma Vilaboa co VIII Torneo Olímpico de Rutis

ACoruñaXa
O Campo Municipal acollerá os días 2 e 3 de abril unha cita con equipos ata a categoría alevín e coa colaboración do Concello de Culleredo
CULLEREDO torneo rutis
2 Apr 2026

Vilaboa converterase esta Semana Santa nun punto de encontro para o fútbol base galego. O Campo Municipal será o escenario do VIII Torneo Olímpico de Rutis, unha competición impulsada polo Olímpico de Rutis CF coa colaboración do Concello de Culleredo e que se desenvolverá os días 2 e 3 de abril.

A cita reunirá a numerosos conxuntos de diferentes puntos de Galicia nun formato de fútbol 8 pensado para as categorías biberón, prebenxamín, benxamín e alevín. O torneo contará cunha primeira fase de grupos e posteriores eliminatorias ata chegar ás finais, nun modelo que combina o carácter competitivo coa aprendizaxe dos valores deportivos entre os máis pequenos.

No apartado de premios, os catro primeiros clasificados de cada categoría recibirán trofeo, mentres que no caso dos biberóns haberá medalla para todos os participantes. Os encontros disputaranse desde a mañá ata última hora da tarde, con partidos de entre 15 e 25 minutos.

Máis alá do resultado, o evento preséntase tamén como unha oportunidade para reforzar a convivencia entre clubs, familias e afeccionados durante dúas xornadas de intenso ambiente deportivo. Desde o Concello de Culleredo salientan a relevancia de apoiar propostas deste tipo, xa que contribúen a impulsar o deporte e os hábitos de vida saudables desde a infancia, ademais de consolidar o municipio como referencia deportiva na área metropolitana.

0.24176979064941