O Fumega Fest revela o seu cartel por días e promete facer historia en Betanzos este verán

O Fumega Fest xa ten todo listo para estrearse a o grande no Parque do Pasatempo de Betanzos os días 4 e 5 de xullo. A organización vén de desvelar o reparto de bandas para cada unha das dúas xornadas do festival, que reunirá algunhas das mellores formacións europeas de stoner rock, post rock, psych, space rock e post metal.
A primeira noite do festival, o venres 4 de xullo, chega cargada de enerxía e son contundente. A cabeza de cartel será a banda suíza Monkey3, que desembarca en Galicia coa súa potente mestura de stoner, space rock e rock progresivo. Desde Escocia, Dvne traerá o seu post-metal épico e ambicioso, mentres que os belgas Psychonaut prometerán levar ao público por un percorrido de intensidade e experimentación sonora. A representación galega virá da man dos vigueses Mano de Piedra, que mesturan stoner, hardcore e metal con crueza e contundencia.
A segunda xornada, o sábado 5 de xullo, tamén estará encabezada por un peso pesado internacional: Greenleaf. O grupo sueco chega cun son marcado pola psicodelia, o hard rock e o heavy blues, consolidado como referente do xénero en Europa. Xunto a eles, os cataláns Exxasens ofrecerán unha viaxe sonora a través do post-rock instrumental con máis de 15 anos de traxectoria. Desde Madrid, Mohama Saz porá a nota máis singular do cartel cunha mestura inclasificable de psicodelia, jazz e músicas tradicionais do Mediterráneo e Oriente Medio. O peche correrá a cargo dos lucenses Kalte Sonne, que defenderán o seu post-rock e metal instrumental con son internacional e recoñecemento crecente.
Ademais das entradas para cada xornada, o Fumega Fest tamén ofrece un reducido número de accesos diarios á zona de acampada, situada a poucos metros do recinto e do centro da vila. A primeira edición deste festival nace con ambición e co obxectivo claro de converterse nunha cita imprescindible para os amantes do rock alternativo máis experimental da Península.