O Fumega Fest estrea edición cun potente arranque internacional en Betanzos

O Fumega Fest arrancou no Parque do Pasatempo de Betanzos cunha primeira xornada que deixou claras as intencións desta nova cita musical: chegar para quedar e situarse como un referente dentro do panorama peninsular do stoner, post-metal e rock psicodélico.
A xornada inicial contou con catro propostas de alto nivel, entre as que destacaron tres nomes internacionais que fixeron vibrar ao público asistente. Os galegos Mano de Piedra foron os encargados de abrir o festival, rompendo o xeo cun directo enérxico e sen concesións, malia a calor intensa da tarde. “Caldearon un público sempre predisposto”, tal e como destacaron dende a organización.
Co sol comezando a caer, chegaba un dos pratos fortes do día: os belgas Psychonaut. A súa mestura de stoner e post-metal enganchou desde o primeiro tema, conseguindo unha das maiores ovacións da xornada e deixando clara a súa potencia escénica. A continuación, os escoceses Dvne tomaron o relevo cunha actuación que combinou forza, ambición e unha coidada posta en escena, despregando o seu característico post-metal progresivo.
O peche da noite correu a cargo dos suízos Monkey3, que ofrecéronlle ao público un auténtico viaxe sonoro cun arsenal de riffs electrizantes e atmosferas envolventes, poñendo o broche de ouro a unha noite memorable para os amantes do xénero.
O festival continúa este sábado, 5 de xullo, cun cartel que tamén promete fortes emocións. A banda sueca Greenleaf encabezará a xornada cun son que bebe da psicodelia, o hard rock e o heavy blues, mentres que os cataláns Exxasens achegarán máis de 15 anos de traxectoria redefinindo os límites do post-rock instrumental. A diversidade estilística completaraa Mohama Saz, unha das propostas máis inclasificables do cartel, que mestura psicodelia, jazz espiritual e tradicións musicais do Mediterráneo, Oriente Medio e o norte de África.
Para pechar esta segunda e última xornada do Fumega Fest, o público poderá gozar do directo de Kalte Sonne, banda lucense de post-rock e metal instrumental que está a destacar en festivais de toda Europa.
O Fumega Fest nace con forza, cun cartel coidado e unha aposta clara pola calidade musical. O Parque do Pasatempo converteuse nesta primeira edición nun epicentro de son e enerxía, e todo apunta a que este festival ten futuro por diante.