O fotógrafo Xurxo Lobato presenta na Fábrica a súa obra 'Rostros da memoria. Ferrol 1972'

ACoruñaXa
Xurxo Lobato presenta un proxecto fotográfico artístico en homenaxe ás persoas que sufriron a represión do franquismo polas loitas obreiras na cidade de Ferrol do ano 1972
'Rostros da memoria. Ferrol 1972' de Xurxo Lobato
10 Mar 2024

O Centro Cultural A Fábrica acollerá o xoves 14 de marzo ás 20.00 horas a presentación da obra do fotógrafo Xurxo Lobato, 'Rostros da memoria. Ferrol 1972'. O artista estará acompañado do Alcalde de Oleiros; Ángel García Seoane; e a Presidenta da Asociación Cultural Fuco Buxán de Ferrol, Susana Alaniz.

Xurxo Lobato presenta un proxecto fotográfico artístico en homenaxe ás persoas que sufriron a represión do franquismo polas loitas obreiras na cidade de Ferrol do ano 1972. Mulleres e homes que coa súa loita polos dereitos democráticos e sindicais axudaron á chegada da democracia o estado español. A democracia ten unha débeda histórica con estes loitadores/as, eles/elas foron os protagonistas que axudaron a rematar coa ditadura.

Lobato presenta 30 retratos (unha pequena  parte da xente represaliada no 1972, que se puideron localizar e retratar) realizados en B/N e primeiro plano, onde se busca que a expresión do rostro co paso do tempo exprese a dor lembrada pola represión; nun estilo sobrio, austero, minimalista, expresionista. Con esta obra preténdese recoñecer publicamente e en vida a todas estas persoas que loitaron incansables por un futuro libre e con dereitos para unha sociedade reprimida.

O proxecto editorial é unha continuidade de “Rostros da Memoria”  que fixo o autor no ano 2007 con retratos do represaliados polo franquismo e recorreu os museos das sete cidades galegas.

O libro foi editado pola Asociación Fuco Buxán, con textos do manifesto da A.C Fuco Buxán e Asociación Memoria Democrática e dos historiadores Lourenzo Fernández Prieto, catedrático da Universidade de Santiago e Ánxela Loureiro, escritora e historiadora dos sucesos de Ferrol 72.

 

 

0.061144113540649