O fotógrafo Juan de la Quintana gaña o XIX Premio “Luís Ksado” da Deputación

ACoruñaXa
Pola súa proposta que aborda “con sensibilidade e rigor” a temática da saúde mental
premio-ksado
25 Jun 2025

A Deputación da Coruña vén de anunciar o fallo do XIX Premio “Luís Ksado” de creación fotográfica, que nesta edición distingue o traballo do fotógrafo madrileño Juan de la Quintana pola súa serie 'I gotta change', unha proposta que aborda “con sensibilidade e rigor” a temática da saúde mental.

O xurado, composto por destacadas figuras do mundo da fotografía como Gervasio Sánchez (Premio Nacional de Fotografía), o comisario Alejandro Castellote, a fotoxornalista hispano-palestina Maysun Abu-Khdeir Granado, Mónica Torres (El País) e Ana Surinyach (revista 5W), destacou “o carácter contemporáneo” da serie premiada. Segundo recollen na súa valoración, o proxecto “explora a vulnerabilidade das persoas retratadas e constrúe un discurso visual que outorga a mesma relevancia aos rostros que aos espazos que os rodean”.

A proposta de De la Quintana afástase da dramatización habitual en proxectos sobre saúde mental e aposta por escenas cotiás, con iluminación natural, xerando un contraste entre a experiencia interior e a aparente normalidade do entorno.

Na deliberación celebrada no Pazo Provincial tamén se acordou outorgar unha mención de honra ao traballo L’orta sud, do fotoxornalista galego Óscar Corral —recentemente recoñecido co Premio Ortega y Gasset 2025—. A serie, centrada nos efectos da DANA, foi valorada polo seu enfoque simbólico e pola capacidade de transcender o relato meramente informativo.

Ademais, foron seleccionadas como finalistas as series Metamorfosi, *As leccións esquecidas, Sitio aparte do mundo e Entre el tiempo y el sabor, el mar, una memoria visual, dos fotógrafos Carlos Folgoso, Raquel López, Stephanie Lutier e Miguel Muñiz, respectivamente.

Estas coleccións, xunto coa gañadora e a mención de honra, formarán parte dunha exposición itinerante que percorrerá diversos concellos da provincia da Coruña. A mostra será inaugurada o 1 de outubro no Museo do Pobo Galego e quedará recollida tamén no catálogo oficial do certame.

O Premio “Luís Ksado”, comisariado por Xurxo Lobato, reafirma así o seu papel como plataforma de impulso á creación fotográfica contemporánea e como espazo para visibilizar proxectos que, como o de Juan de la Quintana, contribúen a enriquecer o debate social a través da imaxe.

⚙ Configurar cookies
0.16840410232544