O Fórum Metropolitano da Coruña acollerá a fase de zona do XXIV Rebumbio Matemático

ACoruñaXa
A proba reunirá a 72 alumnos e alumnas de 6.º de Primaria procedentes de once centros educativos da Coruña e Ferrol
estudantes-corunha
21 Apr 2025

O Fórum Metropolitano da Coruña converterase este venres 25 de abril nun espazo para o enxeño e a aprendizaxe compartida coa celebración da fase de zona do XXIV Rebumbio Matemático, unha iniciativa promovida pola Asociación Galega do Profesorado de Educación Matemática (AGAPEMA), coa colaboración do Concello da Coruña.

A proba, que se desenvolverá entre as 10.30 e as 13.00 horas, reunirá a 72 alumnos e alumnas de 6.º de Primaria procedentes de once centros educativos das áreas da Coruña e Ferrol. Estes estudantes competirán en 24 equipos de tres integrantes, resolvendo conxuntamente seis retos matemáticos que poñerán a proba non só os seus coñecementos, senón tamén a súa creatividade, capacidade de colaboración, estratexia e expresión escrita.

O concelleiro de Educación, Juan Ignacio Borrego, destacou a importancia deste tipo de eventos, asegurando que “accións como o Rebumbio Matemático permiten que o alumnado se divirta aprendendo e desenvolvendo capacidades fundamentais como o razoamento lóxico, a colaboración e a resolución de problemas, valores que van máis alá do ámbito académico”.

Os colexios participantes nesta edición son: CEIP Rabadeira e CPR Hijas de Cristo Rey (Oleiros); CPR Hijas de Jesús, CEIP Internacional de Eirís, CPR Peñarredonda, CPR Plurilingüe Calasancias, CPR Santo Domingo e CPR Grande Obra de Atocha (A Coruña); CPR Plurilingüe Montespiño (Culleredo); CPR Cristo Rey (Ferrol); e CPR Plurilingüe San José (Pontedeume).

O Rebumbio celebrarase tamén de forma simultánea noutras cinco cidades galegas —Lugo, Santiago, Vigo, Pontevedra e Ourense—, reunindo un total de 237 estudantes de 42 centros de toda Galicia.

Os tres mellores equipos de cada zona clasificaranse para a fase final galega, que terá lugar o 16 de maio na Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña. O equipo vencedor terá a responsabilidade de representar a Galicia na fase estatal, prevista para o mes de xuño en Murcia.

⚙ Configurar cookies
0.15400695800781