O Fórum Metropolitano acolle tres novas sesións do ciclo ‘Documental do mes’

O Fórum Metropolitano da Coruña será o escenario de tres novas sesións do ciclo ‘Documental do mes’, unha iniciativa promovida polo Concello da Coruña para achegar á cidadanía documentais recoñecidos internacionalmente que non contan con distribución comercial. Esta proposta amplía a oferta audiovisual municipal e forma parte das medidas de promoción cultural impulsadas polo Goberno de Inés Rey.
A primeira proxección terá lugar o xoves 3 de abril coa exhibición de 'Fragmentos de una biografía amorosa' (Francia, 2023), dirixida por Chloé Barreau. O filme reconstrúe a historia persoal da cineasta a través dos testemuños das súas exparellas, nun relato íntimo sobre a memoria e o amor. O documental proxectarase en versión orixinal en francés e italiano con subtítulos en castelán e ten unha duración de 95 minutos.
O ciclo continuará o xoves 1 de maio con 'Sálvese quien pueda' (Suíza, Bélxica, Francia, 2024), de Alexe Poukine. Este documental sitúase nun hospital suízo para explorar os talleres de simulación nos que o persoal sanitario ensaia como comunicar malas noticias a pacientes e familiares. Unha reflexión sobre a empatía, os dilemas médicos e as presións do sistema de saúde. Proxectarase en versión orixinal en francés con subtítulos en castelán e terá unha duración de 98 minutos.
A terceira sesión será o xoves 5 de xuño con 'Pequeños acróbatas' (Italia, Kenia, 2023), de Nika Saravanja. A película segue os soños de Ian e Pro, dous nenos dos suburbios de Nairobi que aspiran a converterse en acróbatas recoñecidos e viaxar por Europa. Unha historia emocionante sobre a amizade, a superación e os desafíos da infancia en contextos desfavorecidos. O documental proxectarase en versión orixinal en inglés e suajili con subtítulos en castelán e terá unha duración de 85 minutos.
As sesións terán lugar os xoves ás 20.00 horas no Fórum Metropolitano. O prezo xeral é de 3 euros, con descontos a 2 euros para posuidores do Carné Xove, maiores de 65 anos e persoas en situación de desemprego.