O Fórum Metropolitano acolle o concerto de peche do 25º aniversario de Donaire


O Fórum Metropolitano será o escenario do concerto que porá o ramo á programación do 25º aniversario da Asociación Cultural Donaire este sábado 29 de novembro ás 19.00 horas. No cartel figuran dous grupos estreitamente vencellados á entidade coruñesa: Unto Vello e Xiro. As entradas están dispoñibles en ataquilla.com e na billeteira da praza de Ourense, con prezos desde 13,60 euros.
Donaire celebra ao longo deste 2025 un cuarto de século de traballo a prol da música e do baile tradicional galegos, un labor que a converteu nun referente cultural na cidade. O concerto do sábado anuncíase como o peche oficial deste ano conmemorativo.
Unto Vello, proxecto creado en 2024 por Bieito Pereira e Xabi Gómez, e Xiro, grupo da nova escena de música de raíz, serán os encargados de poñer son a esta derradeira festa de aniversario no Fórum Metropolitano.