O Fórum Metropolitano abre o primeiro semestre con teatro familiar, artes escénicas e cinema

ACoruñaXa
A programación arrinca este venres 16 de xaneiro e inclúe os ciclos ‘Todo Público’ e ‘Sen Numerar’, o festival ‘Falando a Boca Chea’ e unha cartelaría estable de cinema en versión orixinal
Imaxe do Fórum Metropolitano
16 Jan 2026

O Fórum Metropolitano pon en marcha este venres 16 de xaneiro a súa programación cultural do primeiro semestre, cunha axenda que combina cinema, teatro e artes escénicas para públicos de todas as idades. O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, destacou que a folla de ruta municipal pasa por achegar programación de calidade aos barrios e facilitar o acceso á cultura a toda a cidadanía.

O Concello sinala tamén que parte dos espectáculos contan coa colaboración da Rede Galega de Teatros e Auditorios, dentro dunha oferta que se estenderá ao longo dos próximos meses no auditorio e nas salas de cinema do Fórum.

No apartado familiar, o ciclo ‘Todo Público’ propón seis funcións pensadas para nenas e nenos, con pases abertos ás 18.00 horas e sesións escolares ás 10.00 e 12.00 horas. As entradas custan 6 euros e para menores de 3 anos o prezo é de 2 euros.

  • Calendario do ciclo:14 de febreiro: ‘Pum!, Pum! Quen hai?’
  • 28 de febreiro: ‘Carnaval animal’
  • 28 de marzo: ‘Berenguela na gaiola’
  • 25 de abril: ‘Teatro de papel’
  • 16 de maio: ‘As palabras perdidas’
  • 30 de maio: ‘Mr. Bo’

Para facilitar a asistencia do alumnado, o luns 19 de xaneiro ás 9.00 horas abrirase o prazo para que os centros do municipio se inscriban nas funcións escolares e o 21 de xaneiro para centros de fóra da cidade.

En paralelo, o ciclo ‘Sen Numerar’ ofrecerá seis propostas para público xuvenil e adulto, todas elas os venres ás 20.30 horas, con temáticas actuais: ciberacoso, bullying ou a reflexión sobre a lingua. A entrada xeral será de 9 euros.

Ademais, o Fórum acollerá unha nova edición do festival de narración oral ‘Falando a Boca Chea’, previsto para os días 15, 16, 17 e 18 de abril, con sesións para escolares, familias e público adulto en distintos espazos do recinto.

A programación complétase coa actividade habitual dos cines do Fórum, cunha oferta de películas de autor e en versión orixinal subtitulada. As instalacións contan con dúas salas  e manteñen os seus prezos reducidos.

⚙ Configurar cookies
0.079206943511963