O folclore toma o paseo fluvial de Arteixo co Festival de Música e Baile Tradicional de Xiradela

A Asociación Xuvenil Xiradela celebra unha nova edición do seu Festival de Música e Baile Tradicional, unha cita xa consolidada no calendario cultural de Arteixo. A partir das 17.30 horas, o anfiteatro do paseo fluvial converterase no epicentro da tradición galega, cun evento aberto ao público e de acceso libre que aspira a reunir a máis de 300 persoas, como vén sendo habitual nos últimos anos.
O festival contará coa participación duns cen intérpretes repartidos en 19 grupos de música e baile tradicional. Entre os participantes haberá persoas de todas as idades, desde cativos e cativas de 3 anos ata maiores de 70, unha mostra viva de que o folclore galego segue transmitíndose de xeración en xeración. “A nosa cultura continúa pasando de xeración en xeración manténdose viva”, salientan desde a organización.
No escenario actuarán os seguintes grupos: Bilitroques, Estalotes, Grupo de gaitas, Cataruxa, Marusía, Xiradeliñas, Mistura, Chiculate, Arroutada, Riscadeiras, Xiradeliños, Algarada, A Reghochoe, Xestiñas, Lume, Foliadeiras, A Pedreira, Retroula e Cinquilimpé.
O evento conta coa colaboración da Deputación da Coruña e do Concello de Arteixo, nunha aposta conxunta pola cultura popular e a posta en valor das nosas raíces.
Unha traxectoria ao servizo da tradición
Xiradela leva máis de catro décadas traballando pola recuperación, difusión e goce do folclore galego. Dende a súa fundación en 1982 no concello de Arteixo, a asociación vén promovendo actividades como baile tradicional, pandeireta, canto, gaita e percusión. Ademais, dende 1984 desenvolve unha importante labor de investigación sobre o patrimonio inmaterial galego: música, cantigas, literatura oral, costumes e traxes tradicionais.
Xunto ao festival deste sábado, Xiradela organiza outros eventos emblemáticos como o Día da Muiñeira, celebrado cada primavera, e o Concurso de Música Tradicional, creado no ano 2000 e que este 2025 celebrou a súa 25ª edición, cun claro obxectivo: crear espazos para a mocidade onde compartir, aprender e vivir a cultura galega en primeira persoa.
Con este festival, a asociación reafirma o seu compromiso coa dinamización cultural do territorio e con manter viva unha herdanza que forma parte esencial da identidade colectiva de Galicia.