O Festival RÚA EXT-CÉNICA regresa a Oleiros con tres días de artes escénicas e música nas rúas

ACoruñaXa
Unha cita que levará teatro, circo e música ás rúas e prazas de Santa Cruz, Santa Cristina e Mera
ruafest-oleiros
5 Jul 2025

O Festival de Artes Escénicas de Rúa, RÚA EXT-CÉNICA, celebra a súa novena edición en Oleiros entre o 11 e o 13 de xullo, levando teatro, circo e música ás rúas e prazas de Santa Cruz, Santa Cristina e Mera. Organizado polo Concello, o evento está pensado para todos os públicos, con espectáculos gratuítos dirixidos tanto a familias como a persoas adultas.

Durante tres días, parques e espazos abertos do municipio converteranse en escenarios improvisados para compañías e artistas de diferentes disciplinas e orixes. O obxectivo do festival é fomentar a cultura na rúa e favorecer a interacción directa co público nun ambiente lúdico e participativo.

A programación comeza o venres 11 de xullo en Santa Cruz con dúas propostas de circo: ás 20.00 horas, o espectáculo “Planeta trampolí” da compañía Back 2 Classics no Parque do Emigrante, e ás 21.00 horas, “Dolce Salato” de Carpa Diem na Praza Esther Pita.

O sábado 12 será a quenda de Santa Cristina. Ás 20.00 horas, o grupo Pedras de Cartón porá en escena a súa particular versión de “Moby Dick” no Parque José Martí. E a continuación, ás 21.15 horas, a música tomará o relevo coa actuación de Eladio y los Seres Queridos na Praza Afundida.

O festival rematará o domingo 13 en Mera, onde ás 12.30 horas a Praza da Lagoa acollerá o espectáculo infantil “As que máis molan da gramola” do grupo A Gramola Gominola. Xa pola tarde, ás 20.00 horas, o público poderá gozar en Santa Cruz dunha nova proposta de circo titulada “Divertimento!”, a cargo da compañía N+1 Cía xunto co Cuarteto Alicerce, de novo na Praza Esther Pita.

O RÚA EXT-CÉNICA consolídase así como unha cita cultural destacada do verán oleirense, que aposta pola democratización da cultura e o uso do espazo público como punto de encontro artístico.

⚙ Configurar cookies
0.14996981620789