O Festival Rúa Ext-Cénica converte Oleiros nun escenario ao aire libre cheo de cultura e diversión

ACoruñaXa
O evento tivo como obxectivo principal achegar as artes escénicas e musicais á cidadanía
oleiros-excenica
14 Jul 2025

Oleiros viviu unha intensa actividade cultural coa celebración dunha nova edición do Festival de Artes Escénicas de Rúa, RÚA EXT-CÉNICA. A iniciativa, impulsada polo Concello, encheu de vida e arte espazos públicos como prazas e parques, cunha programación gratuíta dirixida tanto a público familiar como adulto.

O evento tivo como obxectivo principal achegar as artes escénicas e musicais á cidadanía, promovendo a súa difusión nun contorno accesible e festivo. A resposta do público foi masiva, con veciños e visitantes enchendo os distintos escenarios para desfrutar dunha ampla variedade de propostas artísticas procedentes de diferentes lugares e disciplinas.

O venres, Santa Cruz deu o pistoletazo de saída ao festival con dous espectáculos de circo que fixeron as delicias da cativada, grazas ás acrobacias e situacións cómicas dos artistas participantes. Xa o sábado, a actividade trasladouse a Perillo, onde tivo lugar unha sesión de teatro seguida dun concerto da banda Eladio y los Seres Queridos, un grupo que “está chamado a ser unha referencia nos próximos anos”.

Este domingo a programación continuou pola mañá cun concerto de música infantil no parque da Lagoa de Mera, pensado para as familias e os máis pequenos. A clausura tivo lugar de novo en Santa Cruz, onde o circo volveu protagonizar a escena para poñer o broche final a unha fin de semana de cultura na rúa.

O Festival Rúa Ext-Cénica reafírmase así como unha aposta sólida pola dinamización cultural e a ocupación do espazo público con propostas artísticas de calidade que fomentan a participación cidadá e a interacción social.

⚙ Configurar cookies
0.18927717208862