O Festival Rosalía acolle a presentación de 'Rosalía Oculta'

O Festival Rosalía, organizado pola Deputación da Coruña e o Concello de Santiago, celebrou onte pola tarde a presentación da obra 'Rosalía Oculta', de Paula Mayor, galardoada co Premio Castelao de Banda Deseñada 2023. O evento, que forma parte desta cita cultural en homenaxe a Rosalía de Castro, contou coa presenza da propia autora, quen explicou os detalles do cómic publicado pola Editorial Galaxia. Acompañárona na presentación a deputada de cultura, Natividade González, a comisaria dos premios literarios, Susana Pedreira, e o director da editorial, Marcos Calveiro.
O certame Castelao de Banda Deseñada, cuxa convocatoria de 2025 está aberta ata o 10 de abril, premiou a obra de Mayor pola súa "orixinalidade á hora de abordar o xénero biográfico sen caer no relato histórico, centrándose máis na parte humana da escritora", segundo destacou o xurado. Ademais, salientaron a súa estética "delicada, en harmonía co espírito romántico e decimonónico da obra de Rosalía de Castro".
Durante a súa intervención, Natividade González expresou o seu "orgullo" ao ver como obras premiadas, como 'Rosalía Oculta', teñen un percorrido relevante. "Ese é o noso compromiso, e debería ser o de todas as administracións públicas: apoiar o talento, apostar polas nosas letras, pola nosa cultura e tamén por un xénero como a novela gráfica, que nos está dando tantas alegrías no panorama internacional", afirmou.
A deputada tamén parabenizou a Paula Mayor polo seu traballo e agradeceulle "a valentía de afondar na nosa autora máis emblemática e universal, presentándonos unha Rosalía máis humana, máis aló do mito: feminista, loitadora e activista de todas as causas xustas".