O Festival RESIS 2025 celebra a súa VIII edición con artistas internacionais e programación expandida

ACoruñaXa
O concerto inaugural será a cargo de Arxis Ensemble xunto ao Coro da Orquestra Sinfónica de Galicia
corunha-resis
21 Mar 2025

A Coruña converterase, un ano máis, no epicentro da música contemporánea coa chegada do Festival RESIS 2025, que celebra a súa oitava edición cunha programación ambiciosa que traspasa as fronteiras da cidade e inclúe artistas de renome internacional. O festival contará coa participación de prestixiosas agrupacións como Quatuor Diotima, Arxis Ensemble, Quartet Gerhard, Evo Ensemble, Orquestra e Coro da Sinfónica de Galicia, Real Filharmonía de Galicia e a Banda Municipal. Tamén estarán presentes directores de referencia como Armando Merino, Fabián Panisello, Jordi Francés, Daniel Huertas ou Javier Fajardo e solistas destacados como Virginia Guidi, Florian Hoelscher ou Florentin Ginot, ademais do creador de metasistemas Rubén Panete.

A programación do RESIS 2025 foi presentada nun acto presidido polo concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, acompañado de representantes institucionais como Severino Álvarez, director territorial da Consellería de Cultura; Natividade González, deputada de Cultura da Deputación da Coruña; Sabela García, directora técnica da Real Filharmonía de Galicia, e Hugo Gómez-Chao, director do RESIS.

Un festival que leva A Coruña máis alá das súas fronteiras

Durante a presentación, Gonzalo Castro destacou a aposta do Goberno municipal polo festival, que leva anos consolidándose como un referente da música contemporánea: “Desde o Goberno de Inés Rey levamos anos impulsando este certame e nesta edición podemos comprobar o froito da nosa colaboración, cunha programación que traspasa as fronteiras da cidade e amosa o poder cultural coruñés en Santiago, Madrid ou Roma”, sinalou.

O concerto inaugural terá lugar o venres 25 de abril no Teatro Rosalía de Castro, a cargo de Arxis Ensemble xunto ao Coro da Orquestra Sinfónica de Galicia. Nesta edición, o RESIS reafirma o seu compromiso coa creación feminina, contando coas obras de Clara Iannotta, Raquel Buj, Esther Pérez Soriano, Luz Arcas e Sarah Nemtsov, entre outras compositoras e creadoras.

Un dos momentos máis esperados do festival será a estrea de KARST, unha obra do compositor e director do festival Hugo Gómez-Chao Porta e a deseñadora experimental Raquel Buj, que se representará na Igrexa de Santo Domingo de Bonaval e tamén no Festival Nuova Consonanza en Roma. A montaxe contará coa participación da coreógrafa e bailarina Luz Arcas, Premio Nacional de Danza 2024.

Educación, inclusión e novos formatos

A programación do RESIS 2025 tamén inclúe unha forte aposta pola formación e a inclusión. O III Panel de Lectura de Partituras RESIS.LAB, dirixido a novos compositores e compositoras, permitirá ás persoas participantes traballar co apoio da Real Filharmonía de Galicia e baixo a dirección do prestixioso compositor José María Sánchez-Verdú, culminando nun concerto dirixido por Jordi Francés no Auditorio de Galicia en Santiago.

Outro dos proxectos destacados será Proxección Sonora IV, unha iniciativa que busca aproximar a música contemporánea a persoas con capacidades diversas, promovendo un acceso igualitario á cultura.

Ao longo dos seus 30 días de duración, o festival ofrecerá unha programación experimental e híbrida, que incluirá concertos, arte sonora, tecnoloxía e dixital, exposicións, cine, masterclasses, coloquios e conferencias. Todas estas actividades desenvolveranse en espazos emblemáticos de alto valor patrimonial, arquitectónico e paisaxístico da Coruña.

⚙ Configurar cookies
0.045876026153564