O Festival Noites do Porto anuncia a Rocío Luna no seu cartel
Noites do Porto continúa a súa andaina para converterse no gran festival de música da cidade de A Coruña. Este ano, anuncia a incorporación ao seu cartel de Rocío Luna, a figura emerxente máis destacada do flamenco actual. A artista, gañadora da prestixiosa Lámpara Minera do Festival Internacional Cante de las Minas 2023, actuará por primeira vez en Galicia o martes 24 de setembro. O concerto terá lugar no Jazz Filloa, un dos templos da música en directo, e estará destinado a un público reducido. As cincuenta entradas dispoñibles para o evento sairán á venda ás 12.00 horas deste 12 de xullo en Ataquilla.com.
A incorporación de Rocío Luna a Noites do Porto supón a primeira confirmación da nova cápsula 'Noites de Flamenco e Jazz', coa que o festival busca fortalecer o seu carácter ecléctico e aberto grazas ao amplo abano estilístico do seu cartel, no que se atopan xéneros como o rock, o pop, a electrónica, o rap, o country ou o grunge, entre outros.
A cuarta edición de Noites do Porto celebrarase do 23 ao 29 de setembro en A Coruña. O evento, impulsado pola promotora MASGALICIA, conta co apoio da Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña, o Concello da Coruña, o Porto da Coruña e co patrocinio de Estrella Galicia. Alcalá Norte, Baiuca, Bala, Carlangas e Los Cubatas, Delaossa, La Perra Blanca, Mudhoney e Rocío Luna son os nomes xa confirmados no cartel.
Este 2024, Noites do Porto ampliará o número de xornadas do evento, artistas e espazos. O festival expandirase desde o peirao de Batería ata as salas Mardi Gras, Garufa Club, Jazz Filloa, Playa Club e Inn Club; así como a locais de hostalaría da cidade. Deste xeito, Noites ofrecerá un completo circuíto de actuacións no que se darán cita grandes nomes da escena, tanto en gran formato como a través de propostas máis íntimas e delicatessen, ademais de DJ sets, sesións vermú e 'after parties'.
Sobre Rocío Luna
O produtor e experto en flamenco Fernando Vacas, quen traballou con artistas da talla de Rocío Márquez, María José Llergo, Raimundo Amador, Niño de Elche ou Rosalía, así como con Steve Shelley, Lee Ranaldo ou Howe Gelb, colaborou en varias ocasións coa cordobesa Rocío Luna.
Vacas expresa así a nova confirmación de Noites do Porto: “Rocío Luna é a nova perla do firmamento flamenco e o seu cante, que leva impresas raza e ganas, destaca especialmente nas distancias curtas. A súa calidade fixo que fora merecedora da Lámpara Minera do 2023. Fiel aos seus principios, os paus que canta a Luna van desde a toná, a seguiriya e a trilla, pero tampouco lle fai ascos á heterodoxia máis aberta ‘made in’ Enrique Morente. ¡Olé!”.
Primeiras confirmacións
7 de setembro, Playa Club | Mudhoney
24 de setembro, Jazz Filloa | Rocío Luna
25 de setembro, Garufa Club | La Perra Blanco
26 de setembro, Garufa Club | Alcalá Norte (entradas esgotadas)
27 de setembro, INN Club | Bala
27 de setembro, Muelle de Batería | Delaossa
28 de setembro, Muelle de Batería | Baiuca, Carlangas e Los Cubatas