O Festival Mar de Mares énchese de ciencia, arte e conciencia ambiental na súa XII edición

ACoruñaXa
A cita que se desenvolverá ata o próximo 15 de junio conta con propostas culturais, artísticas, lúdicas e gastronómicas
mar-de-mares
6 Jun 2025

A cidade da Coruña mergúllase unha vez máis no espírito mariño coa celebración da XII edición do Festival Mar de Mares, que botou a andar este venres no Mercado de San Agustín. A inauguración contou coa participación da deputada de Emprego, Industria e Medio Ambiente da Deputación da Coruña, Rosa Ana García, quen puxo en valor a relevancia dun evento que, ano tras ano, conxuga cultura, divulgación científica e defensa do medio.

A Deputación da Coruña apoia economicamente esta cita, que se desenvolverá ata o vindeiro 15 de xuño cun amplo abano de propostas culturais, artísticas, lúdicas e gastronómicas vinculadas ao mar e á sustentabilidade. Durante a súa intervención, Rosa Ana García definiu o festival como “moito máis que un festival cultural: é un espazo de reflexión, aprendizaxe e inspiración arredor do mar e da sustentabilidade”.

A deputada reivindicou a profunda conexión do mar coa identidade galega, especialmente na cidade herculina: “O mar está profundamente conectado coa nosa terra. E dicilo en Galicia, e dicilo aquí na Coruña, ten un valor especial. Porque o mar forma parte do ADN colectivo desta cidade. Durante séculos, moldeou a nosa cultura, a nosa economía e a nosa forma de entender o mundo”.

Este ano, o festival pon o foco na ciencia como aliada indispensable para a protección dos océanos e dos ecosistemas mariños. “Necesitamos coñecemento, rigor e investigación para afrontar desafíos como o cambio climático, a perda de biodiversidade mariña ou a contaminación das augas”, sinalou García, subliñando tamén o compromiso da institución provincial con políticas medioambientais transformadoras: “Apostamos pola transición enerxética, a mobilidade sostible, a economía circular e a educación ambiental, porque defender o medio é tamén defender o benestar das persoas”.

A representante da Deputación tamén tivo palabras de recoñecemento para a organización do Mar de Mares, á que felicitou “pola súa visión e por seguir facendo deste evento un espazo accesible, aberto e participativo”.

Ata o 15 de xuño, a programación espallará a súa actividade por diversos espazos da cidade con propostas para todos os públicos: exposicións, conferencias, música, obradoiros, monólogos, experiencias gastronómicas e mesmo travesías en veleiro. Unha invitación aberta á cidadanía para descubrir, desde múltiples enfoques, a riqueza e os desafíos do medio mariño.

⚙ Configurar cookies
0.17413711547852