O festival Imaxinaria volve con 43 curtametraxes europeas e homenaxe a Joanna Quinn

ACoruñaXa
Proceden de distintos países europeos e, na súa maioría, estrearanse en España ou Galicia durante o festival
20250224_sutil_imaxinaria_006
25 Feb 2025

A Coruña acollerá, do 12 ao 16 de marzo, a terceira edición do festival internacional de animación Imaxinaria, que traerá ao público galego unha selección das máis destacadas curtametraxes europeas. O evento, organizado por Afundación en colaboración coa Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, contará cunha sección competitiva e varias seccións paralelas, entre as que destaca unha dedicada á recoñecida animadora británica Joanna Quinn.

Na presentación oficial, o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, salientou a relevancia do festival na promoción do cinema de animación. Sutil subliñou que Galicia "é desde hai anos unha referencia neste ámbito, como amosa o histórico recente dos premios Goya".

Xunto a Sutil, participaron no acto Pedro Otero, director xerente de Afundación; Alberto Vázquez e Matilde Domínguez, responsables da dirección do certame; e Manuel Mora, director do Banco de Alimentos Rías Altas, entidade á que se destinará integramente a recadación das entradas.

A sede coruñesa de Afundación proxectará as 43 películas da Sección Oficial, das que 38 proceden de distintos países europeos e, na súa maioría, estrearanse en España ou Galicia durante o festival. Entre as obras seleccionadas destaca 'Sobre el rostro', da cineasta galega Uxía Larrosa Villanueva.

⚙ Configurar cookies
0.095331907272339