O Festival do Pasatempo regresa a Betanzos para poñer en valor o seu parque histórico

O Parque do Pasatempo de Betanzos volverá converterse nun dos epicentros da música en directo en Galicia coa celebración dunha nova edición do Festival do Pasatempo. A organización do evento xa ten todo preparado para desvelar o cartel deste ano, que se presentará oficialmente o vindeiro martes 27 ás 12.00 horas. Prometen unha programación con artistas de primeiro nivel que levarán os seus espectáculos completos a este emblemático espazo da vila.
Trala súa volta á actividade, a última edición do festival contou con nomes tan recoñecidos como Andrés Suárez, David Bustamante, Sabela e Paula Mattheus, consolidando así ao Parque do Pasatempo como un referente no circuíto galego de concertos ao aire libre.
O evento non só aposta pola música, senón tamén pola posta en valor do propio parque, declarado Ben de Interese Cultural. A súa singularidade histórica —foi construído no século XIX polos indianos da zona— convértese nun escenario único para vivir a cultura. O festival pretende, así, contribuír á súa resignificación, poñendo o foco nun dos elementos patrimoniais máis singulares e esquecidos do país.